Asamblea/Autonomía

Nesta parte do blogue de aula, vamos a propoñer actividades relacionadas coa autonomía, ao mesmo tempo traballamos outros moitos aspectos. Déixovos aquí o voso espazo para que nos ensinedes o maiores que sodes!


Hecho con Padlet

Saíremos desta, e veremonos pronto, estou segura!


ASAMBLEA

Na proposta que vos enviamos dende o cole, propoñémosvos a secuencia de actividades que levaríamos a cabo nunha xornada da nosa aula.
Antes de comezar a nosa asamblea, realizamos unha serie de actividades que eles coñecen e son quen de facer de forma autónoma, de todos xeitos, déixovos uns vídeos para recordalo.

1º Poñemos o mandilón. Todos os nenos e nenas son quen de poñer o mandilón eles sós/as. Os nenos e nenas que van comer ás súas casas tamén o sacan sós/as e o colgan no seu colgadoiro, quero pensar, que o alumnado que come no comedor, cando chega á súa casa, fai o mesmo e o sacan soliños/as para traballar a coordinación óculo- manual  e motricidade fina, tal e como quedaramos ao comezo de curso. De non ser así, é un bo momento para poñelo en práctica, tendo en conta que na situación na que nos atopamos a parte positiva é que nos fixo parar, frear, e ter máis tempo para as pequenas cousas.


Así é como o colocamos no cole para que eles soliños/as o poñan de xeito autónomo.
É un bo momento para seguir traballando a autonomía persoal, xa que non temos présa por chegar ao autobús ou chegar tarde ao cole, podemos dedicar máis tempo ás tarefas de autonomía persoal, que por motivos de traballo e do mundo de présa no que vivimos non puidemos traballar antes. Todos os nenos e nenas desta clase son quen de:
- Vestirse e desvestirse sós/as.
- Ir sós/as ao baño e limparse de forma autónoma. A maioría xa o fan, os que aínda non son capaces, teñen unha boa ocasión para empezar.
- Lavar a cara, as mans e os dentes de forma autónoma.
- Recoller os seus xoguetes, deixar a roupa para lavar na cesta da roupa sucia, limpar o que eles ensucian tratando de facerse máis autónomos.
- Axudar a poñer a mesa, contar cantas persoas van comer e cantos platos, vasos e cubertos se precisan, deixándolles que se equivoquen as veces que necesiten ata chegar á solución correcta.
- Axudar a facer a súa cama, tender a roupa (o traballo coas pinzas de tender a roupa é un excelente recurso para traballar a motricidade fina, coordinación óculo- manual tan necesaria para o posterior desenvolvemento da lectoescritura), emparellar calcetíns, axudar a bater os ovos para unha tortilla ou amasar para facer un biscoito, contar as patacas que pelamos para ver cantas necesitamos...

2º.- Sentamos na asamblea co mandilón posto e abotoado e dámonos os bos días:



Esta é a canción que cantamos para saudarnos pola maña, antes de empezar a asamblea.

3º.- Pasamos lista: cos nomes dos nenos e nenas miramos quen está no cole para poñer no noso panel e deixamos na caixiña os nenos e nenas que quedaron na súa casiña. A maioría dos nenos e nenas recoñecen o seu nome e o da maioría dos nenos e nenas da clase. Buscamos entre todos e todas as letras que leva o nome do encargado/a empregando letras móbiles para compoñer o nome colocando por orde as súas letras. Unha vez colocadas, o encargado trata de escribilas o máis lexible posible (hai moitos niveis diferentes dentro da clase, cada un dentro das súas posibilidades, ollo coa forma de correxir, o que fan nunca está mal, valoramos o que fan, o intento, e dámoslle outra opción de facelo: a escritura tradicional explicándolle cal é a dirección das letras. Nunca lles decimos que o que fan está mal, que así non se fai ou lles levamos a man para facelo nós por eles. É moi importante o reforzo positivo para que o sigan intentando, doutro xeito pensarán que non son capaces e non se molestarán en seguilo intentando).
O encargado/a debúxase a sí mesmo, tratando de debuxar o máis realista posible a figura humana, ao igual que coa escritura do nome, empregamos o reforzo positivo: "está xenial, pero onde están os ollos?..." e vamos dandolle pistas das cousas que lle faltan, pero nunca lles decimos que non se fai así. Eles van representando a realidade segundo o seu nivel de desenvolvemento e é importante respectalo e valoralo para que sigan intentando facer as cousas por eles mesmos.





4º.- Que día da semana é hoxe? En canto contamos con todos os nenos e nenas no panel, buscamos entre todos que día da semana é hoxe.



Esta é a canción que empregamos para aprender os nomes dos días da semana. Despois buscamos no noso panel cal é o día que corresponde ao día no que nos atopamos, contamos as letras, damos palmadas para contar as sílabas, miramos se é curto ou longo.

5º.- Buscamos tamén o mes do ano no que nos atopamos e saudámolo.






Ademais de saudar o mes no que nos atopamos, empregamos o noso calendario para contar cantos días pasaron deste mes, contamos e fixámonos no número do mes para buscar ese número no noso panel numérico. Imos identificando pouco a pouco os números.








6º. Cantamos a canción da nosa ventanita para ver o tempo que vai hoxe.


Miramos pola ventana a ver como está o ceo e o tempo que temos hoxe  e, colocámolo no noso calendario.

7º.- Por último cantamos a canción da estación na que nos atopamos:  falamos sobre as características da estación que estamos a ver: o tempo, a paisaxe, elementos que aparecen na natureza.
Nesta ocasión cambiamos de estación durante o confinamento, polo que aínda non escollemos a nosa canción da primavera. Déixovos un vídeo para que a podan aprender e inventar algún xesto se lles apetece.


Ao remate da asamblea, dispoñémonos a facer as tarefas asignadas para cada día, no blogue do Equipo de Infantil, estamos a subir diferentes propostas, así como diferentes recursos que podemos empregar para traballar de forma globalizada as diferentes áreas do currículo.
Todas as propostas se poden adaptar ao nivel de desenvolvemento de cada un.

Espero que vos sirvan de utilidade estas recomendacións. Sei que non é a situación máis adecuada, só son recursos e consellos para aproveitar este tempo na casa, que, por suposto depende das condicións persoais de cada un de vós. Non o tomedes como unha obriga ou algo que vos faga agobiar, cada un dentro das súas posibilidades, emprega os recursos que considere oportunos.


FACÉMONOS MÁIS AUTÓNOMOS!!

Hoxe propóñovos unha actividade que sodes capaces de facer todos/as, e que lles será de axuda aos papás e mamás!! Ao mesmo tempo traballamos a motricidade fina. Aquí tedes como a facemos Naia e eu.






Esta semana, imos aprender a facer outra actividade relacionada coa roupa. 
AXUDAMOS A TENDER A ROUPA!!
Se tedes un tendal ao seu alcance podedes empregar o voso tendal. Senon é así ensínovos como fixemos o noso.
1º.- Pintamos  4 tubos de papel de cociña.
2º.- Pégamolos a unha caixa de cartón e colocamos fío dende un ata outro. Colocamos tamén un espazo para a roupa e outro para as pinzas.
3º.- Empregamos as pinzas para colgar a roupa. Nós fixemos pezas con fieltro para este xogo. Canto máis pequenas son as pinzas, maior precisión necesitamos.

Espero que vos guste, e que traballedes moito!

DEBUXÁMONOS!

Esta semana imos repasar o esquema corporal mediante o debuxo da figura humana. Os nenos e nenas representan, a través do debuxo, a súa forma de ver a realidade e, o debuxo da figura humana, é unha forma de coñecer en que medida teñen interiorizado o esquema corporal.

Déixovos un vídeo de como Naia representa o seu corpo, tendo en conta que ten 2 anos e está a iniciarse no debuxo do esquema corporal. 

É importante que o fagan de forma autónoma, e verbalizando as diferentes partes que van debuxando.




TOCA POÑER A MESA

Esta semana propóñovos un xogo para que os nenos e nenas aprendan a poñer a mesa. Recordade que é unha tarefa á que vos poden axudar todos os días así como a recollela, que lles axudará a avanzar na súa autonomía persoal.

COMO O FACEMOS?
Nun anaco de papel continuo, mantel de papel ou varios folios unidos debuxamos diferentes elementos que queiramos traballar con eles, eu empreguei diferentes elementos da súa cociña de xoguete pero podedes empregar os que desexedes!

Unha vez pintados, deberá colocar cada elemento no seu lugar, tendo en conta para que lado están as asas e todos os elementos do debuxo.

CAMBIAMOS DE SITIO

Esta semana propóñovos facer diferentes trasvases. Para este exercicio podedes empregar calquera elemento que teñades pola casa.

TRASVASE DE ELEMENTOS CONTABLES

Podedes empregar pedras, legumes, pasta... Diferentes elementos contables cos que contedes na casa.
Preparamos diferentes recipientes e utensilios. Os nenos e nenas empregarán os diferentes utensilios (culleres grandes e pequenas, pinzas, palliñas ou o que se vos ocorra) para pasar os elementos dun recipiente a outro.


TRASVASE DE ELEMENTOS NON CONTABLES

Nesta ocasión imos a traballar con auga. Ao igual que no caso anterior, empregamos diferentes utensilios para facer os trasvases entre os diferentes recipientes, goteiros, xeringas, culleres, palliñas, xarras...


Podemos facer diferentes hipóteses, os recipientes son iguais, cabe a mesma cantidade nun e outro, este é máis grande que aquel, con este material acabarei antes....; para comprobar unha vez fagamos o experimento.

Aproveitade que chega o bo tempo :)


XOGAMOS CON PINZAS

Esta semana propóñovos unha actividade para traballar tanto a atención como a autonomía.
Trátase de empregar "hueveras" nas que teremos que colocar con pinzas de xeo pompóns das diferentes cores.

Para traballar a atención podemos establecer patróns para que teñan que reproducir.

Espero que vos guste ;)

VERÉMONOS PRONTO!
TODO SAIRÁ BEN

No hay comentarios:

Publicar un comentario